A historia da Q/1


Unha bonita historia…?

A Q segue a desenvolver procesos nos que os ladrillos que compoñen a materia a baixas temperaturas teñen unha orixe nas altas enerxías das estrelas.

O COMENZO

Onde empeza todo…?. Esta é unha fermosa historia que comeza nos fornos nucleares das estrelas, a unhas temperaturas inimaxinables, onde están a formarse os elementos químicos máis pesados que o hidróxeno. Estes elementos, no final da vida estelar, e no caso de estrelas masivas coa súa expulsión ao espazo interestelar,  pasan a ser parte das zonas que chamamos nebulosas, e que serán o punto de partida na formación  de novas estrelas coma o noso Sol. Estas estrelas serán o centro de sistemas nos que probablemente tamén se formarán planetas, algúns rochosos, que terán moita importancia na nosa historia. A protagonista que chamamos química, será a encargada de facilitarnos  os materiais marabillosos dos que estamos feitos todos os seres vivos, e daqueles que somos quen de obter para o noso uso e beneficio.
A morte das estrelas é a fonte da que brotan os elementos que seguen ao hidróxeno en número e masa atómica.  Estes elementos químicos fórxanse no interior das estrelas ao longo da súa vida. Resulta difícil imaxinar que aquí resida a orixe de todo, e que mediante combinacións destes elementos se chegue a unha forma de vida intelixente que mediante a súa manipulación é quen de obter materiais que marcarán unha liña de progreso ao longo da historia da humanidade.(1)
Podemos ver nas estrelas, ademais dun espectáculo fascinante e marabilloso que se nos mostra nas noites claras, as fontes que aportan ao Cosmos os “elementos” necesarios para que poida existir todo. Estes elementos químicos, persoeiros importantes da nosa historia,  atopámolos na Terra, e son a base da grande diversidade de materiais que existen na natureza e de moitos outros que obtemos cada día. Aquí é onde se fai presente a nasa protagonista: “a Química”.

O SEGUNDO CAPÍTULO DA NOSA HISTORIA

Definimos “química”, do grego “khemeia”, como a ciencia da natureza que estuda a estrutura, propiedades e transformacións da materia a nivel atómico e molecular.
As primeiras experiencias dos humanos coa transformación da materia parten das súas necesidades vitais, como por certo segue a ocorrer na actualidade. O primeiro encontro co lume, que sen dúbida lles causaría terror, foi a partires de procesos naturais. Fenómenos como as tormentas secas que acontecen de xeito puntual tiveron sen dúbida unha influencia primordial . O dominio do lume para poder utilizalo no seu beneficio, foi a primeira actuación no escenario desta representación, e que permitiu o seu uso en múltiples facetas, das que sen dúbida moi importantes foron as primeiras transformacións químicas coma a obtención de metais a partires de minerais .
A industria do ferro supuxo un dos primeiros grandes avances da humanidade. Na idade do ferro os humanos desenvolveron unha industria moi importante en torno a este elemento que permitiu a fabricación de utensilios de todo tipo como foron armas e múltiples instrumentos que facilitaron o desenvolvemento desta cultura. As propiedades deste metal, coñecidas só de xeito empírico entonces, permitiron utilizalo para darlle forma coa axuda lo lume segundo as necesidades.
Pero non adiantemos acontecementos. A mesma presenza do lume estaba a ensinarlle aos nosos antepasados algo do que tardariamos moitos anos en ser conscientes, a primeira transformación que nós chamamos “reacción química”. Esta reacción que estudamos como reacción de combustión podemos resumila como:
Materia orgánica (restos vexetais) + osíxeno > dióxido de carbono + auga + “enerxía”


Neste  capítulo da nosa historia foron importantes as primeiras transformacións químicas no eido alimentario, como a obtención de queixos a partires do leite, viño a partires da uva, ou outras coma a obtención de tinguiduras vexetais. O cobre e ouro que se atoparon nativos, permitiu o seu uso na fabricación de obxectos ornamentais e distintos utensilios.
Con máis elaboración e en épocas máis recentes a química permitiu a obtención do bronce, aliaxe de estaño e cobre, que é máis maleable que o cobre e ten mellores calidades para fabricar obxectos como fouces ou espadas.
Tamén avanzamos na fabricación de alimentos e bebidas coma a cervexa mediante fermentación de cereais. Estamos ante unha molécula (etanol) formada por só tres átomos diferentes que tivo a súa presenza intensa e continua na historia da humanidade xa desde épocas moi antigas. A súa identificación como substancia pura tardaría aínda moitos anos. A primeira referencia a unha forma de alcohol destilado atopámolo nos escritos do chino Ko Hung, no século IV despois de Cristo. Os alquimistas na idade media, coa fabricación de múltiples utensilios de vidro fixeron habituais este método de separación por destilación. Considerárono como o “elixir da vida”. O descubrimento do alcohol destilado en occidente atribúese a Ramón Llull.
Outro paso importante neste capítulo foi o que conduzo á fabricación do vidro polo que este material supón na historia da humanidade. O proceso de elaboración consiste en fundir sílice obtida a partires da area ou do cuarzo, e utilizando carbonato ou sulfato de sodio para fundila e pedra de cal, ata solidificar esta mestura. O proceso de elaboración remóntase a unha época entorno ao 1500 a.C. por artesáns asiáticos posiblemente para fabricar abelorios, e cobrou moita importancia ata o ano 1200 a.C., cando se traballaba a man usando moldes. O vidro soprado desenvolveuse a partires do século I antes de Cristo. Ao longo do tempo empregouse en xoiería, pero tamén moi importante foi na fabricación de recipientes, na industria e na arquitectura.


Posted on 31/03/2011, in Sen clasificar and tagged . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: